Sie sind auf Seite 1von 11

DOCUMENTO BASE

Proxecto de Lei de Fomento da Cultura da


Paz de Galicia

Preámbulo
A cultura da paz, que ten a súa raíz na tradición da tolerancia e
o respecto pola diferenza, é un imperativo da nosa época. Éo pola
progresiva conciencia de interdependencia de todos os seres
humanos, pola memoria e experiencia vivas das amargas
consecuencias da guerra, da tortura e da violencia e éo, en definitiva,
polas ineludíbeis esixencias dun mundo progresivamente unificado
polo intercambio informativo, laboral e comercial. Un mundo cada vez
máis interdependente é incompatíbel coa razón da forza e a
imposición pola violencia de valores, modelos, comportamentos e
intereses.
O espertar actual das iniciativas en favor da paz e a
proliferación de institucións que teñen nela a súa razón de ser
confirma, cada día, o valor cívico e humano da relación pacífica. As
actitudes relacionadas coa tolerancia e o respecto ao ser humano
como son a oposición á pena de morte, á tortura, á persecución da
diferenza, cobran paseniñamente maior protagonismo social. Non hai
futuro sen cooperación nin cooperación sen a erradicación das
actitudes violentas como procedemento para dirimir conflitos. O
horizonte actual de expectativas limitadas polo cambio climático, o
esgotamento de recursos e a competencia desatada fai máis
perentoria a adopción de normas e principios reitores que permitan
paliar e encauzar a conflitividade inherente á convivencia.
A cultura da paz e a tolerancia non é unha mera actitude
reactiva contra da guerra e o exercicio da violencia. A tarefa da paz
afirma e defende valores positivos como o respecto pola diversidade
e a lexitimidade de toda diferenza que non atente contra a dignidade
humana e a convivencia. Un mundo para todas e todos imponnos -a
todas e todos- os imperativos da defensa da interculturalidade e da
biodiversidade. A diversidade cultural é un valor a defender como o é
a diversidade vexetal e animal. A diversidade de culturas como a
diversidade de especies comparten dereitos sobre o fogar común que
a todos acolle.
O concepto de Cultura de Paz ten na institución da UNESCO o
seu berce fundacional. Foi este organismo o que apadriñou os seus
significados a final dos anos noventa do século pasado. A idea foi
despois acollida pola Asemblea Xeral da ONU na súa Declaración e
Programa de Acción para unha cultura da Paz (1999). O Manifesto
2000 dos Premios Nobel da Paz e a posterior proclamación do Ano
Internacional da Cultura da Paz e do Decenio da Cultura da Paz e a
Non Violencia (2001-2010), encomendado aos nenos e nenas de todo
o mundo, constitúen pasos decisivos neste camiño.
Tampouco as institucións académicas e escolares se furtaron ao
esforzo en prol da paz e a convivencia. Así o demostra a creación de
aulas, cátedras, institutos e unha morea de programas e actividades
educativas. Outro tanto acontece nas Administracións Públicas coa
progresiva insistencia no desenvolvemento de políticas de igualdade,
de loita contra a discriminación, a marxinalidade, a xenofobia e o
racismo. Un papel esencial na promoción social das virtudes da
tolerancia e da convivencia pacífica é o desempeñado polas
numerosas asociacións cívicas especializadas en tarefas de promoción
dos dereitos humanos, de diálogo intercultural e interrelixioso e de
apoio ao inmigrante e o expatriado. A denuncia contra a vulneración
destes valores e contra a práctica da dobre linguaxe contribúen á
sensibilización social sobre os problemas de convivencia en
sociedades cada vez máis complexas e permeábeis.
Finalmente, non podemos deixar de mencionar a contribución á
cultura da paz e da convivencia que impregna a mellor tradición
galeguista. O proclamado federalismo de Castelao, premonitorio da
Unión Europea e das institucións de competencia universal, impregna
as paxinas finais do seu testamento político, Sempre en Galiza. Nelas,
non dubida en cualificar ao pobo galego de prudente, asisado e
pacifista, valores que o lexitiman para reclamar as virtudes do pacto
federal democrático como procedemento para superar unha historia
de negación, asimilismo e indiferenza.
Galicia pode lembrar a celebración do Congreso Internacional
da Paz en Ferrol no ano 1915, que convocou unha representación
relevante do sindicalismo europeo contrario á Grande Guerra e do
pensamento democrático e galeguista.
Na actualidade, son de salientar desde principios dos anos
oitenta as campañas en favor da paz, contra as guerras, as bases
militares, a nuclearización, o despregamento de mísiles en Europa, ou
as iniciativas pioneiras en favor da obxección de conciencia, así como
aportacións moi relevantes, teóricas e prácticas, en materia de
Educación para a Paz e a súa incorporación ó curriculum escolar como
eixe transversal obrigatorio en colexios e institutos desde 1990.
Froito desta intensa reflexión e mobilización foi tamén a
realización do Congreso Europeo de Educación para a Paz en 1994 en
Santiago de Compostela ou da Conferencia Mundial de Paz,
Solidariedade e Desenvolvemento no ano 2005 e, no mesmo
escenario, do Congreso Mundial de Educación para a Paz.
As institucións democráticas de España comezaron a adoptar
iniciativas orientadas a recoñecer e promover a ética da tolerancia e a
cultura da paz. Inscrito no cadro de tarefas da Década da Cultura da
Paz (2001-2010), este compromiso inspira xa textos lexislativos tanto
no ámbito do Estado como no das Comunidades Autónomas. A Lei
catalá do 2003 e a española do 2005 son primeiros pasos e
referentes nesta dirección.
A Lei Orgánica de Educación, L.O.E., aprobada no 2.006,
estabelece a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos
Humanos complementando así os eixes transversais e como unha
disciplina curricular específica. O Plan Integral de Mellora da
Convivencias Escolar de Galicia e a creación e posta en
funcionamento do Observatorio Galego da Convivencia Escolar da
nosa Comunidade visa os mesmos obxectivos con especial atención
aos conflitos da convivencia escolar.
A vasta tarefa de construír unha sociedade humana baseada na
tolerancia non debe confundirse cun difuso humanismo acrítico,
instalado na negación do conflito e na idealización dos
comportamentos sociais. A lección de Gandhi está aí; o pai da India
moderna, tenaz opositor ao dominio colonial que coutaba ao seu país,
deixounos, xunto co seu exemplo persoal de compromiso co valor da
palabra e do diálogo, unha sentenza que pode servir de lema de
convivencia: A violencia é o medo aos ideais dos outros. Dos ideais,
dos dereitos, dos intereses. A violencia é unha manifestación do
medo.
A Cultura da Paz é un conxunto de valores, actitudes,
tradicións, comportamentos e estilos de vida baseados na convivencia
civilizada dos seres humanos e do diálogo como método de
tratamento da conflitividade xerada pola diferenza, a desigualdade
económica e os resentimentos históricos asentados en principios
como:

a) O respecto pola vida, a confianza na erradicación da violencia


mediante a educación, o diálogo e a cooperación.

b) O respecto pleno dos principios de soberanía, integridade


territorial e independencia política dos Estados e de non inxerencia
nos asuntos da súa xurisdicción, de conformidade coa Carta das
Nacións Unidas e o Dereito Internacional.

c) O respecto pleno e a promoción decidida dos dereitos humanos


e as liberdades fundamentais.

d) O compromiso firme co arranxamento pacífico dos conflictos


que non exime á comunidade internacional de intervencións militares
suxeitas a acordo e supervisión nos caso de grave vulneración dos
dereitos individuais e colectivos.
e) A promoción dos esforzos para satisfacer as necesidades de
desenvolvemento económico, saúde e protección do medio ambiente
en favor das xeracións presentes e futuras.

f) O respecto pola diversidade cultural, lingüística e relixiosa.

g) O respecto e o fomento da igualdade de dereitos e


oportunidades de mulleres e homes.

h) O respecto e promoción do dereito de tódalas persoas á


liberdade de expresión, opinión e información.

i) A adhesión aos principios de libertade, xustiza, democracia,


tolerancia, solidariedade, cooperación, pluralismo, diversidade
cultural, diálogo e entendimento entre sociedades e nacións.

É sobre as bases anteriores que o Parlamento de Galicia dispón:

Artigo 1

Obxecto da Lei

1. O obxecto da presente lei é o fomento e a promoción dos


valores cívicos e democráticos en tódolos ámbitos da vida
social, política e cultural, nomeadamente no sistema educativo;
da xustiza, da igualdade e da equidade na resolución pacífica
dos conflitos, entre persoas, pobos, culturas, nacións e estados;
o fortalecemento da paz e da convivencia como fins que deben
guiar toda a actividade das Administracións Públicas, da Xunta
de Galicia e dos entes locais.
2.
O fomento da cultura da paz estará estreitamente vinculado coa
vontade de promover a xustiza e a igualdade de oportunidades,
para o que será necesario que a Administración procure
valores, actitudes, comportamentos, condutas e estilos de vida
que faciliten o bo entendemento entre as persoas e os
colectivos.

Artigo 2

Ámbito de aplicación

Esta lei será de aplicación á Xunta de Galicia e ós entes locais,


de conformidade coas súas competencias, e terá como obxectivo o de
promover a paz, a xustiza, a igualdade e a equidade, para o que a
Administración Galega e os entes locais, de conformidade coas súas
respectivas competencias, deberán actuar nos seguintes ámbitos:
a) Os dereitos humanos e as liberdades individuais e colectivas.
b) A convivencia cidadá, a promoción do diálogo e a solución
pacífica de conflitos.
c) A educación para a paz, a cooperación e a solidariedade, a
igualdade entre homes e mulleres, a democracia e a
interculturalidade.
d) Os medios de comunicación social.
e) O fomento do desarmamento global.

Artigo 3

Actuacións para o fomento da cultura da paz no ámbito dos


dereitos humanos

A Xunta de Galicia e os entes locais, de conformidade coas súas


respectivas competencias, no ámbito dos dereitos humanos e as
liberdades individuais e colectivas, deberán promover:

a) A máxima difusión da Declaración Universal dos Dereitos


Humanos nos distintos espazos públicos, especialmente, no
sistema educativo.
b) A difusión da Declaración e a Convención sobre os dereitos
da infancia.
c) A difusión da Declaración e do Programa de Acción sobre
unha Cultura de Paz e os Obxectivos do Milenio.
d) A difusión da Carta da Terra
e) O recoñecemento dos dereitos económicos, sociais e
culturais de tódalas persoas.
f) A igualdade entre mulleres e homes, así como a prevención
da violencia de xénero.
g) A intensificación de medidas encamiñadas a eliminar as
formas de discriminación e violencia entre as persoas.
h) A adopción de medidas que favorezan a integración dos
inmigrantes en Galicia.
i) A formación específica das forzas de seguridade de Galicia en
materia de dereitos humanos, mediación e resolución pacífica
de conflitos.
k) A loita contra do terrorismo, a explotación das persoas,
contra da delincuencia organizada, contra a produción e tráfico
de drogas e contra do branqueo de diñeiro e a corrupción.
l) O favorecemento da cooperación e da solidariedade efectiva
con tódalas persoas e tódolos pobos en guerra ou sometidos a
xenocidio e violencia.
m) A erradicación da pobreza e, sobre todo, o acceso de tódalas
persoas ós bens e servizos necesarios para a satisfacción das
necesidades humanas básicas.
ñ) O desenvolvemento humano sostible e integrador das
dimensións democrática, económica, social e medioambiental.
o) A difusión e realización da Convención de 2006 sobre os
dereitos das persoas con discapacidade.

Artigo 4

Actuacións no ámbito da convivencia democrática

A Xunta de Galicia e os entes locais, de conformidade


coas súas respectivas competencias no ámbito da convivencia
cidadá, o fomento do diálogo e a solución pacífica dos conflitos,
promoverán:

a) A coordinación interdepartamental e interadministrativa para


a elaboración e adopción de medidas a favor da paz e a
convivencia, a cooperación e a solidariedade.
b) A mediación de conflitos cidadás no ámbito municipal.
c) O entendemento, a tolerancia, a solidariedade e a
cooperación entre pobos e nacións, especialmente, entre os
pobos do Estado Español, fomentando as aptitudes de
concordia, diálogo, acordo, negociación e consenso.
d) Estudios para coñecer máis a fondo as prácticas e as
tradicións culturais de tódalas persoas que viven en Galicia.
e) O apoio ó voluntariado
f) A creación de premios ás mellores iniciativas a prol da paz.
g) O establecemento de convenios con investigadores e
expertos na materia para traballar no deseño de liñas de
actuación para o fomento da cultura da paz.
h) A coexistencia relixiosa e a reconciliación.
i) A participación activa en organismos e foros internacionais
de prevención de conflitos e construción de paz.
j) A investigación sobre procesos de negociación e mediación
para a solución pacífica de conflitos e a consecución da paz.
k) Encontros, diálogos, seminarios e demais actividades
encamiñadas á solución pacífica dos conflitos violentos.
l) Actividades de diplomacia cidadá ou paralela, destinadas a
complementar o traballo diplomático formal desde os
distintos ámbitos.
m)A cooperación activa con centros de investigación e
construción de paz, nas tarefas de fomento da paz en
contextos de conflito.
n) O desenvolvemento de accións transversales favorecendo a
toma de conciencia en tódolos ámbitos da sociedade galega
en prol das persoas con diversidade funcional e o fomento do
respecto dos dereitos e da dignidade das persoas incluidas
nesta minoría, desde os ámbitos públicos e hasta o ámbito
das familias.

Artigo 5

Actuacións no ámbito do ensino e da cooperación

A Xunta de Galicia e os entes locais, de conformidade


coas súas respectivas competencias, no ámbito do ensino e da
educación para a paz, para a cooperación e o desenvolvemento,
a democracia e a interculturalidade promoverán:

a) A difusión de materiais, propostas e documentos,


experiencias e boas prácticas, que teñan unha especial
relevancia no campo da educación, a investigación e a
cultura da paz, así como de cooperación ó desenvolvemento.
b) A elaboración e aplicación de programas globais de
educación para a paz, a convivencia e o desenvolvemento
destinados a toda a poboación escolar.
c) A aplicación dos criterios baseados na cultura da paz e do
respecto mutuo entre os pobos na elaboración e revisión dos
libros de texto e demais material didáctico dos centros
educativos, baixo a supervisión do departamento
competente en materia de ensino.
d) A educación de nenos e nenas, desde a etapa de Infantil,
transversalmente, nos valores, actitudes, comportamentos e
condutas, que lles permitan resolver calquera conflito por
medios pacíficos e con espírito de respecto para coa
dignidade humana.
e) A formación específica de persoas que desexen trasladarse
ós países máis empobrecidos, en calidade de cooperantes ou
voluntarios, ou que desexen realizar tarefas de prevención
de conflitos, mediación, construción de paz e reconciliación.
f) Impulso á creación dunha rede de escolas espazo de paz.
g) O fomento da inclusión das persoas con diversidade
funcional en todos os niveis do sistema educativo, e incluso
nos ámbitos de educación non formal.

Artigo 6

Actuacións no ámbito dos medios de comunicación social

A Xunta de Galicia e os entes locais galegos, de conformidade


coas súas respectivas competencias no ámbito da comunicación
social, a libre circulación de información e de coñecementos, e a
diversidade ideolóxica, cultural e política nos medios de comunicación
social, deberán promover:

a) A difusión nos medios de comunicación de información sobre


a Educación e a Cultura da Paz, iniciativas da sociedade civil
e das súas organizacións nesta materia.
b) O reflexo da diversidade ideolóxica e política da sociedade
galega nos medios de comunicación social, especialmente
nos de titularidade pública, mediante a observancia dos
principios do pluralismo político, social, relixioso, cultural e
de pensamento.
c) Medidas para reducir a violencia e o seu tratamento nos
medios de comunicación, Internet e demais tecnoloxías da
información e da comunicación e para erradicar as emisións
ou as informacións que podan inducir a condutas
discriminatorias por razón de nacemento, raza, xénero,
opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal
ou social.
d) O intercambio e universalización de Internet e demais novas
tecnoloxías da comunicación.
e) A presenza das entidades e organizacións non
gobernamentais para o desenvolvemento e dos institutos e
centros de estudio e investigación sobre a paz nos contidos
dos medios públicos.
f) A visiblización nos medios de comunicación das persoas con
diversidade funcional correspondente cos principios da
Convención da ONU de 2006 e coa manifestación da
diversidade funcional como característica indisociable na
naturaleza da familia humana, fortalecendo o sentido de
pertenencia comunitaria e valorizando as contribucións que
realizan e poden realizar estas personas ao benestar xeral e
á diversidade das comunidades.

Artigo 7

Actuacións no ámbito do desarmamento global

A Xunta de Galicia e os entes locais, de conformidade coas súas


respectivas competencias en materia de desarmamento global,
promoverán:

a) Actividades e iniciativas en favor do desarmamento global


baixo o control das Nacións Unidas.
b) Actividades a favor da eliminación do tráfico ilícito de todo
tipo de armamento.
c) Medidas para paliar as situacións que se producen como
consecuencia da finalización dos conflitos bélicos, como a
desmobilización de tropas e a reincorporación á sociedade de
ex-combatentes, refuxiados e persoas desprazadas.
d) A difusión das medidas propostas polo Chamado pola Paz da
Haia (Hague Appeal for Peace) e a Xustiza para o século XXI,
que reclama o dereito á paz e a abolición da guerra como un
imperativo moral do novo século.
e) A concienciación sobre as medidas para garantir a
seguridade a protección das personas con diversidade
funcional en situacións de conflito armado e post-conflito.

Artigo 8

Axudas a iniciativas de promoción da paz

A Xunta de Galicia, de acordo cos obxectivos anteriores,


outorgará axudas anuais específicas para a realización de actividades,
estudios e investigacións en materia de paz, e promoverá o
recoñecemento de iniciativas sociais e dos medios de comunicación a
favor da paz.

Artigo 9

O Instituto Internacional pola Paz

Natureza e finalidade

No marco da presente lei o Parlamento de Galicia crea o


Instituto Internacional pola Paz como entidade pública de carácter
institucional, independente, dotado de personalidade xurídica propia e
plena capacidade de obrar, tanto no ámbito público como no privado
que, no exercicio das súas funcións, actúa con plena independencia
das administracións públicas, das entidades privadas e das
organizacións sen ánimo de lucro.

O Instituto Internacional pola Paz é unha entidade de


investigación, divulgación e acción que ten por finalidades a
promoción da cultura da paz na sociedade galega e no ámbito
internacional, e conseguir que Galicia desempeñe un papel activo
como axente de paz no mundo.

Principios

As actuacións do Instituto Internacional pola Paz rexeranse


polos principios de fomento da paz, a democracia, a xustiza, a
igualdade e a equidade nas relacións entre persoas, pobos, culturas,
nacións e estados, co fin de traballar pola seguridade humana, o
desarmamento, a prevención e a solución pacífica dos conflitos e as
tensións sociais, o fortalecemento e o arraigo da paz e da
convivencia, e na defensa dos dereitos humanos.

Funcións

a) Promover a investigación empírica, teórica e aplicada pola


paz, directamente ou mediante o apoio a centros de
investigación xa existentes.
b) Garantir a formación técnica de persoas especializadas na
intervención no terreo en procesos de paz.
c) Difundir e fomentar a educación e a sensibilización da
cidadanía na cultura da paz, con especial colaboración dos
departamentos da Xunta de Galicia que corresponda, os
centros docentes, as universidades e as organizacións
pacifistas.
d) Realizar a investigación e difusión da memoria histórica e do
pensamento e acción pacifista en Galicia.
e) Actuar de Observatorio sobre o estado da paz e os conflitos
armados.
f) Exercer as tarefas de observación, facilitación, mediación e
construción de paz en conflitos violentos internacionais ou
internacionalizados.
g) Dar apoio e asesoramento ás organizacións, iniciativas,
campañas e actividades que o requiran, e fomentar
actividades que a sociedade civil e os movementos pola paz,
as administracións públicas, as organizacións internacionais,
as universidades e os centros de investigación levan a cabo
no ámbito da formación, investigación e acción
comprometida na construción e mantemento da paz.
h) Asesorar ó Parlamento galego, ó Goberno e demais
administracións públicas nas súas políticas e actuacións de
paz.
i) Establecer relacións con institucións internacionais e redes
similares.
j) Impulsar a creación de cátedras específicas de cultura de paz
nas universidades galegas e establecer vínculos e convenios
de colaboración coas mesmas.
k) Todas as demais que se consideren oportunas para as súas
finalidades.
l) Abrir liñas de traballo conxunto coas organizacións e
administracións públicas, internacionais e nacionais, de apoio
as accións destinadas a garantir a Igualdade real e efectiva
das personas con e sin diversidad funcional en todos los
ámbitos da vida (personal, social, cultural, económico, de
ocio y participación política). En especial, das nenas e
mulleres e, de todas aquelas persoas que pola sua situación
de gran diversidade funcional sufren maiores cotas de
marxinación e, por tanto, de vulnerabilidade.

Organización

Mediante unha Lei específica se desenvolverá a organización


concreta do Instituto Internacional pola Paz, os seus órganos de
goberno e administración, así como o estatuto dos seus membros,
funcións, responsabilidades, réxime xurídico e de persoal, recursos
económicos e patrimonio.

Das könnte Ihnen auch gefallen